Toda a axuda do mundo para os traballos de fin de grao ou fin de mestrado

Modelos de traballos e de presentacións dixitais

Portada, estilos, deseño de páxina, numeración das páxinas... Cando redactes o teu traballo de fin de grao ou de posgrao has poder esquecerte das complicacións de todas esas cuestións formais, aínda que importantes para a presentación e valoración do traballo, e centrarte nos contidos. A Área de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística ofrécevos aos graduandos e posgraduandos modelos de traballos para os procesadores de textos máis estendidos, coas seguintes vantaxes:

  • Incorporan os requirimentos habituais aprobados nos regulamentos de presentación dos TFG.
  • Ofrecen solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices automáticos, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes).
  • Explican como traballar cos diferentes estilos propostos, como elaborar índices automatizados, etc.
  • Inclúen ferramentas de apoio á redacción: o idioma do documento está fixado e o corrector automático, listo para iniciarse.

Deste xeito o graduando ou graduanda que queira utilizalo só terá que centrarse nos aspectos máis directamente relacionados co contido, deixando á marxe cuestións de deseño do documento que ás veces provocan importantes perdas de tempo xusto cando este máis cómpre.

Ao deseñar o modelo tívose en conta, ademais, liñas de actuación transversal da USC como son o coidado da imaxe corporativa, as recomendacións de sustentabilidade ambiental (aforro de papel e de tinta) e o fomento do uso do galego.

Se na defensa do traballo vas utilizar presentacións dixitais, tamén a Área de Asesoramento do SNL che fornece cinco modelos de diapositivas en PowerPoint 2007 e 2010. Cada un deles inclúe ata quince deseños de diapositivas diferentes (imaxe, imaxe e texto, táboas, etc.). Traballar con eles supón automatizar e axilizar o proceso de creación e deseño das diapositivas, de xeito que se poidas centrar todos os esforzos no coidado da súa estrutura e nos contidos.

Ademais, ofréceche toda unha serie de consellos para organizar e elaborar as presentacións así como para utilizalas na defensa pública do teu traballo.

Recursos terminolóxicos

Na Área de Terminoloxía do SNL poderás consultar o seu andel de léxicos e vocabularios específicos (uns 200), moitos deles consultables en liña, mais para bulires de verdade á hora de saber o termo exacto en galego, usa bUSCatermos, unha base terminolóxica multilingüe con máis de 150.000 entradas que se centra no galego, pero que recóllese as equivalencias en castelán, inglés, portugués, francés, italiano, alemán e catalán, o que permite buscar por calquera destes idiomas.

Para accederes ao bUSCatermos tes que entrar baixo o dominio <usc.es>.

O fomento do galego nos traballos

Modelos e recursos lingüístico-terminolóxicos son outras pezas na engrenaxe con que a USC tenta fomentar o uso do galego nos traballos do alumnado, respondendo a obxectivos específicos do Plan de Normalización Lingüística.

Ademais dos modelos, os estudantes contan cos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, para melloraren as súas habilidades comunicativas escritas, vehiculadas a través do galego, cursos que se organizan no primeiro trimestre de cada curso académico.

Por outra banda, a utilización do galego permítelles aos autores de traballos de fin de grao concursar nos Premios á calidade lingüística, optando a premios de 300 euros, e aos de fin de mestrado, solicitaren unha subvención de 150 euros en concepto de gastos de edición.

M ISABEL VAQUERO QUINTELA

Mércores, 29 de xuño de 2011