Dezasete cursos pescudando datos lingüísticos

Podemos obter unha perspectiva bastante razoable sobre como evolucionou o uso das linguas na docencia da USC xa que contamos cos datos correspondentes a dezasete cursos, dende o 2003-2004.

Evolución nos graos

Logo dun período inicial en que a USC parecía progresar paseniñamente cara a un modelo bilingüe castelán-galego na docencia universitaria básica (titulacións de 1º e 2º ciclos e/ou graos), o noso idioma chegou ao seu máximo (28,75%) no curso 2010-2011, nun rápido ascenso duns 8 puntos porcentuais en só dous cursos. Dende daquela, o seu uso retrocedeu, tamén en dous cursos, nove puntos porcentuais e nos seguintes segue estancado arredor do 20% das horas docentes. Consolidouse un modelo bilingüe con elevado predominio do castelán (1/5 para o galego, ¾ para o castelán).

evolucion_graos_licenc

Que ocorreu nos cursos 2010-11 a 2012-13? Por que ese aumento e posterior caída do uso do galego?

Os dous primeiros graos (Matemáticas, Políticas) implantáronse no curso 2008-09 e no 2009-2010, 28 máis. Ese foi o curso en que o galego conseguiu un maior uso, o 32,76%, no conxunto dos graos e titulacións de 1º e 2º ciclo. A partir de 2010-2011 comezou a implantación dos graos con moito crédito horario e escasísimo uso do galego, e a nosa lingua minguou paulatina pero constantemente ata o ficar nos últimos tempos arredor do 20%, como se pode apreciar na gráfica. Paradigmático é o caso de Medicina, que pasou de ocupar o 11% da docencia total da USC a case o 25% na actualidade, e sempre con porcentaxes de uso non superiores ao 6%.

Paralelamente o castelán, logo de baixar 18 puntos inicialmente, comezou unha lenta recuperación ata empregarse desde 2013-14 no 75% das horas docentes. O uso do inglés continúa estancado, sen que nunca chegara a superar o 2,5% neste tipo de titulacións e limítanse ao ensino das linguas nas titulacións de Filoloxía e como materia técnica noutras, mentres que apenas se usa como lingua vehicular no ensino, malia os incentivos derivados do Plan de Internacionalización,  sacados os graos de Química e Enxeñaría Química, e o itinerario de Química en inglés.

Como resumo, a docencia básica universitaria vehicúlase nestes dezaseis cursos moi maioritariamente en castelán (sempre máis de 2/3); ademais impártese entre 1/3 e 1/5 en galego e menos dun 5% noutros idiomas. E os usos lingüísticos das titulacións de Medicina teñen moitísima repercusión nos datos globais, dado o peso das súas horas docentes no total.

evolucion_graos_columnas

Se debullamos a evolución dos usos lingüísticos por titulacións de grao, a situación semella bastante estable. As cores, que clasifican as titulacións segundo tramos de uso do galego, permiten percibir doadamente as mudanzas, en xeral, congruentes e comprensibles.

O uso do galego en catro graos da área de Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría) é paupérrimo ano tras ano. Pola contra, no cadro de honra no uso do galego seguen campando, ademais de, loxicamente, Filoloxía Galega,  as titulacións da Facultade de Ciencias da Comunicación -Xornalismo e Comunicación Audiovisual-, así como outras titulacións de Ciencias Sociais: Educación, Filosofía, Xeografía...

Evolución nos mestrados

A evolución dos usos lingüísticos nos mestrados é un tanto diferente. Nos mestrados o uso das dúas linguas oficiais segue estando máis próximo ao equilibrio. Non se aprecian variacións no uso do inglés e doutras linguas nos mestrados, o cal se pode considerar residual, sempre próximo ao 2%.

evolucion_mestrados

Se debullamos a evolución por titulacións de mestrado, tamén se percibe certa estabilidade, malia algúns datos incoherentes que poden deberse a erros á hora de cubrir o POD na aplicación informática XesCampus.

Evolución por departamentos

O máis salientable da evolución de usos lingüisticos por departamentos é a progresiva redución –que non desaparición- dos departamentos que ignoran o galego na docencia, o que probablemente tamén ten moito que ver coa unión de departamentos para reducir o seu número dende 98 ata os 51 actuais.

Polo demais, os datos semellan congruentes ao longo do tempo agás algúns pequenos saltos que poden corresponder a erros puntuais (o 95% de galego en Química Orgánica no curso 2005-2006) ou a evolucións e cambios nos usos lingüísticos do profesorado.

Como era de esperar, os departamentos relacionados coas Ciencias da Saúde  e Química revélanse como os menos proclives a incorporaren o galego ás súas horas docentes.

Os datos de usos lingüísticos da docencia da USC

A USC conta con datos sobre o uso dos idiomas na formación universitaria inicial (licenciaturas e diplomaturas e, agora, graos) desde o curso 2003-2004 e dos mestrados dende o curso 2009-2010, cando se implantaron os primeiros adaptados ao EEES. Esta información baséase  nas planificacións docentes (POD) dos departamentos, que se trasladan á aplicación de xestión académica XesCampus e logo se reflicten como datos públicos nas páxinas web das diversas titulacións, nas informacións relativas a cada materia e a cada grupo: profesorado, horario, contidos, programas, competencias, bibliografía, idiomas... es.

Os datos semellan fiables, grazas ás precaucións que se foron adoptando e que impiden que, por exemplo, se escolla unha lingua non oficial da USC na aplicación XesCampus se non está autorizada oficialmente a impartición da materia nese idioma. Por suposto, na introdución de información pode haber erros máis ou menos involuntarios, que explican algúns datos rechamantes pero que non mudan as grandes tendencias; pensemos que as porcentaxes están calculadas sobre centos de miles horas de docencia que se imparten na USC.

Venres, 31 de xaneiro de 2020