Linguas, departamentos e tipos de profesorado

Entre as diversas posibilidades que ofrece a debulla dos datos lingüísticos da docencia, a súa relación cos departamentos e as categorías do profesorado semellan claves para poder acabar de definir liñas de actuación.

Os departamentos son as unidades  básicas  encargadas  do ensino dun ou de varios ámbitos do coñecemento. Anualmente programan diversos aspectos relacionados coa docencia que lles corresponde, por exemplo, o profesorado que se encargará o curso seguinte dos grupos docentes de cada materia. Tamén poderían entrar nesta decisión do departamento en que linguas se vai impartir a docencia; se non se fai, queda ao dispor de cada profesor ou profesora. En calquera caso, a lingua en que se imparte cada grupo de docencia é un dato oficial que debe reflectirse no programa de ordenación docente (POD) de cada departamento e trasladalo a XesCampus, a aplicación de xestión académica da USC, e de aí á información que se fornece na web.

Se debullamos que linguas usan os 51 departamentos da USC neste curso, comprobamos que todos os departamentos usan o castelán, e que hai dous departamentos que só usan castelán e inglés, sen docencia ningunha en galego (Química Analítica e mais un departamento externo). Aquí podes ver os usos lingüísticos dos departamentos da USC: os que menos usan o galego son maioritariamente departamentos da Área de Ciencias da Saúde, así como de Bioloxía, Química, Filoloxía e Dereito.

Pola contra, os departamentos máis galeguizados son os relacionados coa Área de Ciencias Sociais e Humanidades; Ciencias da Comunicación é o departamento que máis usa o galego na docencia, nun 99,74% das súas horas docentes.

Pola súa banda, vinte departamentos ofrecen docencia en inglés. Sacado o Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá (78,12%), móvense desde o 0,10% de Ciencias Cirúrxicas ata algo máis do 8% de Enxeñaría Química e Química Física.

O uso dos restantes idiomas (alemán, catalán, francés, italiano, portugués) limítase aos departamentos encargados do ensino de cadansúas linguas.

Linguas e PDI

Son 718 os docentes (o 28,9% do total) que imparten docencia en galego na USC, e que deles, 548 (o 76,3%) empregan só esta lingua. Se pasamos a debullar os datos, ningunha das 22 categorías do PDI chega ao 50% de docencia en galego. As que máis se achegan son: interinos (47,33%), axudantes doutores e colaboradores. Seguen os profesores/as contratados/as doutores/as, que supoñen o 11% dos efectivos do PDI, cun uso do galego do 31,57%.

O profesorado titular, que actualmente supón o 32% do PDI, é a categoría que en conxunto asume a maior encarga docente, e imparte en galego o 23,8% desa horas. A seguinte categoría máis abundante (o 11% do PDI) é a de catedráticos/as, que usa o galego no 18,39% das súas horas de aulas.

O profesorado asociado LOU (o 7,4% do PDI) utiliza o galego no 30,47% da súa docencia e o profesorado asociado de Ciencias da Saúde (8,6% do PDI), só un 1,44%. Lembremos que, maioritariamente, este profesorado imparte docencia clínica (o 18,6% da docencia de toda a USC), no CHUS, a grupos moi reducidos de estudantes.

As restantes 22 categorías do PDI (axudantes doutores, interinos, colaboradores, contratados, lectores, invitados, predoutorais, posdoutorais...), imparten menos do 25% da docencia e os seus usos lingüísticos son do máis variado.

Aquí podes ver os datos dos usos lingüísticos segundo as categorías máis numerosas do PDI.



Venres, 31 de xaneiro de 2020