75-21-4

O uso das linguas oficiais na docencia de todas as titulacións da USC debuxa unha situación pouco equilibrada, que se resume, redondeando, en tres cifras: 75-21-4, tal e como se amosa na gráfica seguinte. Máis concretamente, o 74,78% das 447.477 horas docentes impártense en castelán; o 21,04%, en galego,  e en idiomas estranxeiros, o 4,18%: o inglés, cun 2,37%, é o máis utilizado, e por detrás francés, alemán, portugués, italiano e catalán.

xeral19-20


Os datos varían segundo a tipoloxía de titulacións. Nos graos (408.213 horas docentes) as cifras son moi semellantes ás anteditas: 75,71%-20,07%-4,21%, para o castelán, o galego e os restantes idiomas, respectivamente. Pola súa banda, o conxunto dos mestrados (38.694 horas docentes) resulta un pouco máis equilibrado no uso das linguas oficiais: un 64,61% para o castelán, 31,59% o galego e 3,79% para os demais idiomas.

graos19-20 mestrados19-20


Os graos

Ao debullar os datos polas 56 titulacións de grao, pódese comprobar que só dúas non imparten docencia ningunha en galego: a de Lingua e Literatura Inglesas, totalmente impartido en inglés, e a de Relacións Laborais de Lugo, 100% en castelán. Os demais graos incorporan, por pouco que sexa, outros idiomas. Entre as máis castelanizadas, un grupo importante de Ciencias da Saúde (Medicina, Enfermaría, Odontoloxía, Farmacia e Nutrición), ademais de Relacións Laborais de Santiago, Bioloxía e Filoloxía Clásica, todas por riba do 90% de docencia en castelán. Por riba do 90% de docencia en galego, só dúas: Lingua e Literatura Galegas e Comunicación Audiovisual. Podes consultar aquí que linguas se usan na docencia das diversas titulacións de grao neste curso.

O grao en Medicina é o de maior número de horas docentes: 107.510, o que supón case a cuarta parte da docencia de todas as titulacións da USC e o 26,3% da dos graos. É evidente que os usos lingüísticos de Medicina teñen moitísimo peso no conxunto da nosa Universidade; de feito, se descontásemos a docencia deste grao, o uso do galego na totalidade das titulacións da USC subiría ata o 27,10%, case 6 puntos porcentuais, e no conxunto dos graos, ata o 27,24%, case 7 puntos.

 

comparativas19-20

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

En dezanove dos 56 graos da USC utilízase o inglés. Ao grao en Lingua e Literatura Inglesa (100% en inglés),  séguenlle o de Lingua e Literatura Española (14,46%), Enxeñaría Química e Química (13% e 10,24%), once titulacións de Ciencias Sociais e Humanidades, así como Enxeñaría Informática (1,30%), Veterinaria (1,15%) e Odontoloxía (0,68%).

Os restantes idioma estranxeiros (alemán, catalán, francés, italiano e portugués) líganse a titulacións de linguas ou de formación do profesorado.
Evidentemente, estas cifras non se corresponden necesariamente coa realidade que vive o alumnado: trátase de medias de uso das titulacións, polo cal a existencia de varios grupos de docencia e de materias optativas redefine as linguas en que o alumnado recibe as clases. Só un grao, o de Química, lle ofrece ao alumnado a  posibilidade de cursalo por completo nun idioma, o inglés.

Os mestrados

Os datos lingüísticos dos 72 mestrados (38.694 horas docentes, o 8,64% do total) poden resultar sorprendentes: o 64,61% das horas docentes impártense en castelán, o 31,59% en galego e o 3,79% nos demais idiomas.

Só unha titulación ignora por completo o uso do castelán, Novas Tendencias en Xornalismo e Comunicación, e quince, o do galego; trece destas últimas impártense de xeito monolingüe en español. Podes consultar aquí que linguas se usan na docencia dos másteres neste curso.

Só oito dos 72 mestrados utilizan o inglés como lingua docente: Estudos Avanzados de Inglés (100%), Química na Fronteira (88,45%), Erasmus Mundus en Lexicografía (41,95%), Turismo Urbano (12,36%), e por detrás Formación do Profesorado (Lugo), Enxeñaría Ambiental, Servizos Culturais,  Enxeñaría Agronómica, Innovación na Educación e Formación do Profesorado (Santiago). Alemán e francés son as outras linguas estranxeiras que tamén se utilizan, sempre ligadas a titulacións de mestrados lingüístico-literarios e de formación do profesorado. Probablemente o favorable dato do uso do galego nas titulacións de máster teña que ver con que os dous mestrados de Formación do Profesorado, coas súas 4.609 horas representan o 12,14% do total destas titulacións, e ambas teñen un uso importante do galego.

Os idiomas nas titulacións de 1º e 2º ciclo

As licenciaturas e diplomaturas están practicamente extintas logo do proceso de implantación dos graos, polo que soamente se dispensan 570 horas na docencia xa parcial da diplomatura en Criminoloxía. Daquela, o dato de que o castelán vehicula o 100% da súa docencia  non resulta representativo.

Fontes e datos

No web do SNL pódese consultar todos os datos de usos lingüísticos na docencia da USC, deste e dos cursos anteriores ata 2003-2004.

Aínda que a análise se realiza no Servizo de Normalización Lingüística, os datos son fornecidos pola Área TIC da Universidade, e expresados en porcentaxes sobre o número de horas docentes. Os datos son oficiais, tirados dos plans de organización docente (POD) anuais aprobados polos departamentos e reflectidos na aplicación de xestión académica XesCampus.






Venres, 31 de xaneiro de 2020